se alguém lhe encontrar sentido a isto...

Jim Morrison em Hespanha


O cantante de The Doors visitou España pouco antes de morrer, farto do rock, buscado pola xustiza de EEUU e sen poder deixar o alcol

"Estades bebendo co número tres". Jim Morrison, cantante de The Doors, profetizou así a súa propia morte logo de recibir a noticia de que Janis Joplin acababa de falecer, 16 días logo de morrer Jimi Hendrix. Era outubro de 1970, quedábanlle só nove meses de vida e un deles íao pasar en España. Foi entón cando cansado da fama, farto do rock e perseguido pola xustiza estadounidense, buscou en París un refuxio.

Con todo, na capital francesa, estes non cesaron e o alcol seguiu moi presente na súa vida. Un día, tras toser sangue, un médico recomén- doulle descansar nun clima cálido. Sen pensalo demasiado, o 10 de abril de 1971 iniciou unha viaxe a España xunto á súa noiva Pamela Courson.

A parella alugou un Peugeot co que atravesaron os Pireneos por Cataluña antes de parar en Madrid, onde visitaron o museo do Prado. Alí, segundo relata o escritor Stephen Davis nunha biografía do artista, Pamela Courson gravou coa súa cámara Super-8 a Jim Morrison petrificado contemplando O Xardín das Delicias do Bosco, sobre o que escribira nos seus anos de estudante na Universidade de Cine dos Ánxeles.

A parella atravesou o porto de Despeñaperros e chegou a Granada. Na cidade andaluza íanse atopar cun grupo de persoas que crearan un local no que a cultura fluía polas súas paredes, Zíngara. O granadino Ángel Carmona foi un dos impulsores daquel lugar máxico, situado no barrio do Sacromonte e cunhas vistas impresionantes á Alhambra.

Aquel lugar foi adquirindo fama e a voz correuse entre os amigos que Carmona deixara en California. Un daqueles visitantes foi Jim Morrison. Unha noite, Rafael Cuéllar, un amigo de Carmona, decatouse de que pasaba algo diferente: "Era un lugar de difícil acceso. Vin un coche aparcado na porta, algo que me pareceu estraño. Cando entrei, as dúas camareiras estaba alborotadas porque Jim Morrison estaba no local".

Joanie Roseblant e Joanne Yablosky eran dúas mozas californianas que viaxaban por Europa e pararon en Granada por un tempo, onde traballaron en Zíngara. Rapidamente recoñeceron o barbudo Jim Morrison. "Pamela achegouse á barra e díxonos que ían de incógnito. Charlamos con eles nunha mesa e invitáronnos ó seu piso de París", recorda Rosenblant. Despois, Cuéllar decidiu conversar co artista. "Díxome que viñeron a Granada, porque oíran falar de Zíngara. Aloxáronse en casa de tres australianos. Despois pediume whisky, pero como non había, saín buscalo. Conseguín unha botella. Estaba acompañado por xente moi seria e silenciosa, e, salvo el, que a bebeu enteira, o resto parecía alimentarse do aire", destacou.

Enfeitizado pola Alhambra


A morte roldaba a Jim Morrison, pero Zíngara ofrecía vida. Alí presenciou varios concertos, pero non se animou a cantar. "Pediunos que lle puxésemos algo de Janis Joplin. E fixémolo. Estaba nostálxico", recorda Cuéllar. O encontro daquel mozo granadino con Morrison concluíu cando lle mostrou a Alhambra. O cantante quedou atrapado pola súa maxia e insistiu en velo varios días seguidos.

0 comentários:

Etiquetas